Friday 26 de April de 2024

A Feira de Ponte Carreira estrea o punto limpo móbil conxunto de Frades e Mesía


O camión do punto limpo, achegado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, irá rotando polas parroquias dos dous municipios para reciclar todo tipo de residuos

A feira de Ponte Carreira (Frades) acolleu a presentación do novo punto limpo móbil que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de entregar aos concellos de Frades e Mesía. Un acto que contou coa presencia do alcalde de Mesía, Mariano Iglesias Castro; e do terceiro tenente de alcalde de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa; e o concelleiro de Cultura e Xuventude, Juan Carlos Portos Bra.

O funcionamento do punto limpo móbil é bastante sinxelo. O camión despraza ao lugar desexado unha plataforma que está dividida en contedores coas diferentes fraccións que se poden reciclar: pequenos electrodomésticos, pilas, papel, vidro… entre outros residuos. O camión do punto limpo irá rotando por todas as parroquias de ambos os dous concellos.

Sensibilización nos centros educativos

Manuel Ferreiro explica que “con esta iniciativa, os Concellos de Frades e Mesía pretendemos sensibilizar á veciñanza na necesidade de reciclar para protexer o medio ambiente e loitar contra o cambio climático. Xa contamos cun punto limpo conxunto en Céltigos pero esta iniciativa permitiranos achegar a reciclaxe á veciñanza, xerar un maior impacto e facilitar unha correcta xestión dos residuos domésticos”.

Unha concienciación que comeza polos centros educativos, que durante as próximas semanas recibirán a visita do punto limpo móbil. A primeira parada terá lugar este mércores 3 de marzo, onde o alumnado do CPI de Ponte Carreira recibirá varias charlas formativas sobre o punto limpo de 9:30 a 11:30 horas.

Acto seguido, o punto limpo móbil desprazarase ata Mesía, onde de 12:30 a 14:00 horas terán lugar charlas formativas para o alumnado do EEI Visantoña. Xa pola tarde, entre as 15:30 e as 19:00 horas, repartirase información sobre o punto limpo móbil entre os comercios do municipio de Mesía.

Reciclaxe

Este punto limpo móbil Frades-Mesía é un dos concedidos pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda o pasado ano 2021. O Departamento dirixido por Ángeles Vázquez achegou aos concellos de Frades e Mesía unha axuda de case 70.000 euros para a prestación deste servizo mancomunado, que complementará o servizo que presta o punto limpo posto en marcha en Céltigos grazas a unha achega autonómica de 276.000 euros.

Dende a Xunta de Galicia animan a todos os veciños e veciñas de Frades e Mesía a separar correctamente os residuos e usar este novo servizo posto en marcha por ambos os dous concellos para facilitar esta boa acción. O único requisito para participar e ter gañas de reciclar e de defender a nosa natureza.